Cobre e prata.
Copper and sterling silver.
![]() |
| "Joya de pecho" da colección do Victorian and Albert Museum de Londres, datada en España, arredor de 1750 |
![]() |
| Sapo galego, século XIX, prata sobredourada. |
![]() |
| Susi Gesto, prata e acibeche. |
Segundo Pantone, "é unha cor de elegancia e beleza que realza o noso sentido do benestar, do equilibrio e da harmonía". Podedes descargar aquí o seu informe completo sobre as cores escollidas para este ano.
Hoxe cumpro anos. Uns cantos xa. Non acostumo facer festa e, como eu non teño ningún recordo do día en cuestión, sempre penso que a quen habería que felicitar sería ás nais, quen si viviron a experiencia de xeito consciente.
Por isto hoxe parece bo día para vos ensinar este pequeno presente que fixen para miña nai. É un conxunto de anel, pendentes e colgante, feito en cobre, con detalles de prata e de ouro. As pedras son unhas serpentinas que ela mesma trouxo hai xa bastantes anos dunha viaxe a Irlanda.
Este é o colgante. Leva detalles en prata de lei e mide uns seis cm. A cadea tamén está feita por min elo a elo, e é bastante longa, aproximadamente tamaño ópera (por embaixo do peito).
Creo que onde máis loce a pedra é no anel, onde parece integrarse á perfección coa trenza de cobre. É unha pedra moi branda, e de feito, quedoulle unha pequena desigualdade na esquina superior dun dos brincos. Pero non tiña máis serpentinas: ou era esa ou non era ningunha.
Os procesos de aprendizaxe inclúen un moito de imitación. Isto tamén sucede na creación de xoiería. Comezas imitando técnicas e formas. Cando adquires unha certa habilidade, empezas a introducir algo de ti nos deseños, por exemplo adaptando ideas alleas aos teus gustos ou aos materiais dos que dispós. Despois chega un momento no que o dominio técnico che permite investigar pola túa conta e buscar vías propias. Entón é coma se comezaras a precisar comunicar algo (ou afirmarte) a través das formas que creas. E aí, aínda que admires solucións alleas, sentes que non as podes usar, que é indispensable e gozoso inventar as túas propias. Por suposto que existen influencias, inspiracións, tendencias, modas... Pero os teus pasos xa están a trazar un camiño único, distinto, teu.
Os que seguides esta páxina sabedes que cando expoño aquí unha idea que non é miña propia, sempre intento dar os créditos debidos con ligazóns, referencias, agradecementos... Sempre é posible que nalgún caso eu inventara a pólvora antes, despois ou ao mesmo tempo que outra persoa, pero podédesme crer que non lle atopo sentido nin me parece admisible facer pasar por meu o que non o é.
Á hora de decidir baixo que licenza protexía os contidos desta páxina, decidín non empregar a fórmula de todos os dereitos reservados. É que creo na colaboración entre as persoas. E eu aprendín tanto e tanto da xenerosidade doutros que, de algún xeito, é o meu deber e o meu pracer facer que continúe a transmisión de ideas, coñecementos, inspiracións. Como non me dedico ao ensino, ben podo dicir que cobro polo que fago, non polo que sei.
Moitos dos que me ledes tamén tendes unha páxina propia. Sabedes que manter un blog leva tempo e traballo. Hai que madurar as ideas, hai que querer escribir, facer as fotos, editalas, ter paciencia con blogger, coa conexión... Por iso entendedes en carne propia que, aínda que nos agrade compartir, tamén é de xustiza que o noso esforzo se recoñeza coma noso.
Lembro a primeira decepción forte que sentín froito da interacción na rede. O meu malestar viña de que certa persoa usara como imaxe promocional unha técnica e un estilo que acababa de tomar de min. O problema non era que fixera os seus intentos ao meu xeito, senón que nun evento promocional usara un estilo que eu lle ensinara a semana anterior e que en absoluto reflectía a súa produción ate o momento; e a miña si, claro. Non me importaría tanto se o fixese un completo descoñecido, pois son os riscos da exposición ao público, pero ao existir un certo trato persoal, a sensación era de falta de escrúpulos e de sentido ético, de abuso de confianza por parte de alguén a quen eu intentara axudar. Sobra dicir que, cando lle expresei a miña contrariedade, á individua lle importou unha merda. Que son demasiado puntillosa? Pode ser, pero xulgo aos demais pola vara coa que me mido a min, e eu non durmiría a gusto actuando así.
E a que vén todo isto, diredes? Pois a un caso distinto a este, pero que non podo evitar asociar. É máis heavy... aínda que me afecta menos ;). Explícovos: acabo de saber que hai máis dun ano que alguén ten publicadas en facebook fotos de pezas creadas por min coma se fosen súas. Non só se trata dos meus traballos, senón tamén das miñas fotos, coa miña marca de auga incluída. Descabellado, burdo, pois si... pero certo. Alucinei cando me enterei. Non podo dicer que me sentise moi doída (é cutre de máis para iso), pero non é algo que agrade: non é xusto, non é bonito, non contribúe a nada. E adopto este enfoque por non me cebar explicando en detalle como, porque e con que consecuencias, iso é un delicto.
E a onde quero ir parar con todo isto?
A que se entenda que aprender esixe sacrificio, que inventar costa esforzo, que buscar os materiais leva tempo, que facer as pezas é custoso, que escribir este mesmo texto require reflexión, que para facer as fotos hai que lle botar paciencia, que compoñer unha entrada nesta páxina tamén é un traballo.
A que a licenza de Creative Commons á que se acolle esta páxina significa algo e desexo que se aplique.
A que quero seguir inspirándome na xente e, na medida do posible, inspirando. Pero fai falta ser respectuoso: as ideas non se poden copiar sen citar a fonte, os textos non se poden copiar sen citar a fonte, as fotos non se poden copiar sen citar a fonte. Se queredes mencionar no voso espazo (blog, páxina, face, etc.) algo do que aquí aparece, non o copiedes completo, poñede unha ligazón á fonte. Se o que eu presento vos dá ideas para facer as vosas cousas, estupendo, pero son para uso persoal, non para a comercialización, a promoción ou a reprodución.
Nós levamos o traballo de crear e compartímolo con vós de forma gratuíta, por favor, axudádenos a que se recoñeza o este esforzo.
| As fotos son das pezas que esa persoa se atribúe. pero el non ten máis fotos delas, eu si ;) |

