viernes, 17 de mayo de 2013

Sapo en cobre - Not-so-Traditional Copper Pendant



Para os que non coñezades a ourivería tradicional de Galicia, quixera falar un pouquiño sobre a orixe da súa peza máis característica, o colgante sapo, que forma parte do aderezo do traxe de gala tradicional e que se elaboran con formas moi semellantes dende os séculos XVII-XVIII.

Non se sabe con certeza a razón dese nome tan curioso, sapo. Probablemente aluda á semellanza da textura coa pel do animal, ou mesmo poida que faga referencia ás formas acorazonadas dos sapoconchos. Sábese que tamén foi denominado "pelícano", seica nun intento de esquivar á Inquisición poñéndolle á xoia un nome co que habitualmente se aludía á paixón de Cristo.
 
As características formais dos sapos derivan dos petos, a peza máis distintiva das xoias empregadas pola nobreza dos séculos XVII e XVIII. "Peto" pódese tomar como denominación xenérica de distintas xoias (joyeles, brocamantones, alamares, rosas de pecho, etc), que tiñan en común o seren levadas á altura do peito. Algunhas delas, coma os "brocamantones", eran verdadeiramente grandes e adoitaban estar compostas por dous ou máis corpos que, en conxunto, formaban unha figura de triángulo invertido máis ou menos definido segundo os casos. 


"Joya de pecho" da colección do Victorian and Albert Museum de Londres, datada en España, arredor de 1750

Andando o tempo, esta xoia culta e cortesá foise popularizando e calou fondamente no imaxinario de distintas zonas da Península Ibérica, adoptando en cada lugar unhas peculiarides específicas. En Portugal son as "laças", en Castela-León e Extremadura, os "galápagos" e "tembladeras". Mesmo a "cruz" ou "joya" dos aderezos das falleras de Valencia, comparten orixe co sapo galego.

Os sapos tradicionais galegos son pezas formadas por varios corpos de filigrana, realizados en ouro ou prata ou cobre sobredourados. Consérvanse numerosos exemplares dos séculos XVIII e XIX en museos (Museo de Ourense, Museo do pobo Galego, Museo del Traje, Museo Sorolla, Colección da Spanish Society of America...) e máis en mans privadas, normalmente como resultado de herdanzas familiares. O que podedes ver na foto é o que se garda no Museo Arqueolóxico de Ourense.


Sapo galego, século XIX, prata sobredourada.

Na actualidade, numerosos ourives seguen a crear en Galicia estas pezas, algúns respectando completamente as súas formas máis tradicionais, e outros usando o concepto do sapo como base para novas creacións. Non podo deixar de vos recomendar que visitedes a páxina de Susi Gesto, quen, xunto coa súa irmá Leo, continúan coa tradición familiar elaborando marabillosas creacións coma as que ilustra a foto. 


Susi Gesto, prata e acibeche.
 
O sapiño que podedes ver ao inicio desta entrada é un deseño meu, inspirado nas formas tradicionais, e realizado segundo as técnicas máis artesanais do oficio. 
 





viernes, 3 de mayo de 2013

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...