miércoles, 31 de agosto de 2011

Tetra orbe - Chainmaille Tetra-orb

Moita xente me leva preguntado dende hai tempo que é o que vén sendo o couso que aparece na foto do noso perfil. Como durante este mes de agosto non tiven moito tempo nin para facer moitas pezas novas, nin moito menos para lles sacar fotos, aproveito para responder a todos os que se interesaron pola figura en cuestión:




Pois trátase dun tipo de trama orbital (chámanse tramas orbitais porque algún dos elos se sostén unicamente por "orbitar" ou rodear outros e non por ir enganchado nalgún, coma sucede nas demais familias de tramas), que no canto de estar disposto en forma de cadea plana se monta en tres dimensións para acadar unha figura de base catro.

A primeira vez que fas unha tetra-orbe pode resultar un pouco desquiciante conseguir enganchar todas as arandelas... Pero cando lle colles o truco é ben fácil. No caso da que vedes na foto, leva dentro unha doa branca e estaba pensada para engadir a un chaveiro, pero a tetra-orbe concreta nunca chegou ao destino e acabou por se converter nunha especie de "mascota" que xa me leva acompañado moito, moito, e ademais acabou por ser a imaxe habitual do meu perfil.

En calquera caso, as tetra-orbes son figuras interesantes, moi axeitadas para facer pendentes ou para poñer en calquera cousa que pendure: colga-móbiles, marca-páxinas, chaveiros... Se premedes aquí lévavos a un titorial moi clariño, e aquí a un vídeo de youtube. Se vos animades a facelas encantaríame ver fotos!!

martes, 23 de agosto de 2011

Colgante Stepping Stones - Stepping Stones chainmaille pendant


Despois dun pouco de descanso do traballo con cadeas, un encargo volveume traer ao mundo das arandelas... Neste caso, trátase dun colgante realizado en cobre esmaltado de 0.7 e 1.4 mm. A trama chámase Stepping Stones, (que nin a inventei eu, nin lle puxen eu o nome ;) e é da familia das tramas xaponesas. Como todas as desta familia é bastante fácil ver como hai que armalas, pero un titorial sempre axuda!! Premendo aquí veredes un paso a paso en inglés desta trama de malla. Espero que vos guste e, sobre todo, espero que lle guste á futura dona!












E cambiando de asunto, cóntovos que este fin de semana volvo ter mercado, desta vez na Festa da Istoria de Ribadavia. É unha celebración declarada de interese turístico nacional e é unha oportunidade tan estupenda coma outra calquera de ir visitar esta vila e a súa contorna. En serio que merece a pena. E vaia, se vos achegades por aló, podedes aproveitar para virme ver a min, que sempre se agradecen as visitas...



sábado, 13 de agosto de 2011

Máis madeira! - More wood!

Como vedes os que me seguides, ando a medio gas co blog por cousas do verán, das vacacións e todo iso. Por iso agradezo aínda máis aos que seguides aí...

Vou continuar coa madeira, e así aproveito para o título a clásica frase dos irmáns Marx. Estes son uns colgantes que xa fixen hai un tempo. Están tallados a man por min en madeira de buxo (Buxus Sempervirens), que é unha madeira bastante dura, pero cando está ben lixada ten de seu un acabado sedoso que enamora ao tacto.

De: Flora von Deutschland, Österreich und der Schweiz, Prof. Dr. Otto Wilhelm Thomé, 1885, Gera, Alemaña. Fonte: Wikimedia Commons


Os motivos das tallas están inspirados na imaxinería maorí, e os colgantes que vedes a continuación, evocan concretamentea forma de anzois de pesca, que na cultura maorí tradicional eran importantes amuletos de prosperidade e abundancia. Espero que vos gusten!









lunes, 1 de agosto de 2011

Pirogravando - Pyrography work

Este fin de semana estiven a pirogravar. Xa mencionei nalgunha outra ocasión que traballar con madeira me producía unha sensación especialmente relaxante. O pirogravado é unha técnica que consiste en queimar superficialmente a madeira cun pirogravador para trazar un debuxo. Non son demasiado experta no seu manexo, a verdade, pero o labor resulta moi entretido, faise bastante rápido e é fácil deixar voar a imaxinación cos motivos. A ver se vos gustan estes colgantiños, e outro día ensínovos máis pezas...








Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...